jueves, 14 de marzo de 2013

O RETO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS


O acrónimo que só hai uns anos comezaba a soar, as TIC, e sobre o que nos preguntabamos que era iso, hoxe converteuse nunha palabra que utilizamos a cotío e que está en todo canto documento actual de ensino e aprendizaxe se publica e en boca da maioría do profesorado.






 
Estamos ante un fenómeno que nos foi devorando pouco e pouco e que nos fixo crear a necesidade de saber, aprender e practicar para estar ao día neste eido particular das TIC. A maioría do actual profesorado, de calquera dos niveis de estudos, recibimos unha formación académica tradicional, de clases máis ou menos maxistrais e ese é o modelo onde nos vemos reflectidos. Os profesores e profesoras que marcaron as nosas vidas académicas impartían clases maxistrais, lendo, comentando e explicando os libros de texto, desde os distintos tomos daquela Enciclopedia Álvarez dos nosos primeiros cursos escolares ata os distintos estudos e bibliografía utilizada nos estudos universitarios. O libro de texto e o profesor eran as únicas ferramentas que tiñamos a man para o ensino. Así o aprendemos e así o aplicamos nas nosas clases desde sempre.
O noso actual alumnado non ten xa nada que ver co que nós vivimos nin co que nós aprendemos; o seu mundo non é, nin moito menos, semellante a aquel noso mundo. Nós vivimos na mesma sociedade ca eles, pero comezamos a non utilizar os seus mesmos medios ca eles para se comunicaren. Se queremos chegar a eles, se queremos que nos sigan, debemos sumarnos ao carro da novas tecnoloxías que eles tan ben manexan e que tan ben coñecen.

É evidente que isto supón un grande esforzo pola nosa parte e que supón tamén un reto que pode resultar un revulsivo e mesmo un aliciente para as nosas carreiras profesionais. Hoxe un docente, sexa cal sexa o nivel educativo que imparta, non debe ignorar o uso dun ordenador, coñecer o hardware e o software máis básico, utilizar o correo electrónico, saber utilizar un tablet e mesmo un smartphone. Todo iso está presente nas nosas vidas, pero aínda que non estivese, está total e absolutamente presente nas vidas do noso alumnado e será, se cadra, o xeito de achegármonos a eles para que acaden os obxectivos que deles pretendemos obter.
http://educatics.blogspot.com.es/

Agora ben, como antes adiantaba, o esforzo que isto supón para un docente de idade media ou avanzada, é realmente importante. A maioría de nós temos que partir de cero nos coñecementos das TIC, o que fai indispensable dedicar non poucas horas ao estudo e mais á práctica destas novas tecnoloxías, para logo poder aplicalas na nosa práctica docente.

Outro dos inconvenientes cos que nos atopamos ao querer mergullarnos nas novas tecnoloxías é a aínda escasa presenza de material didáctico que nalgunhas materias podemos atopar na rede, nomeadamente no caso do ensino da lingua e mais da literatura galegas. Esta eiva convértenos en verdadeiros autores de “libros de texto” das novas tecnoloxías. Somos nós mesmos os que temos que elaborar a práctica totalidade dos nosos propios materiais de traballo para o noso alumnado, coa cantidade inxente de horas de traballo que isto supón, e sen que ninguén o valore, nin sequera o noso propio alumnado.

Para empezar, os nosos centros públicos, na súa meirande parte, non nos ofrecen as ferramentas necesarias para este tipo de prácticas: aínda escasean nos centros de primaria e secundaria, aulas coa suficiente dotación para levar a cabo estas prácticas; máis nos centros que antigamente impartían soamente ESO e bacharelatos que os que antes impartían os estudos coñecidos coa denominación de Formación Profesional, os actuais Ciclos Formativos. Aínda que temos unha esperanza co relativamente novo Proxecto Abalar.

Quédanos moito camiño que percorrer
para acadarmos esta nova cultura da educación, desde unha progresiva formación das novas xeracións de profesionais do ensino, por unha parte, ata a dotación de materiais imprescindibles para podérmola levar a
cabo.


Mentres estas circunstancias idóneas non se dean, tentaremos irmos dando pasos para a súa consecución: todo un reto e un aliciente para os profesionais do ensino.
 http://boj.pntic.mec.es/jgomez46/ticedu.htm


domingo, 3 de marzo de 2013

BENVIDA AO BLOG

Ola a todos e todas!
Comezo este blog coa idea de inserir nel actividades de lingua e literatura galegas e que estas estean accesibles sobre todo ao meu alumnado para que eles poidan ampliar, consultar... materiais que eu confeccione ou recolla da internet e que fagan máis amena e máis doada a aprendizaxe da lingua e mais da literatura galegas